ENTREVISTAS CON XAQUÍN MARÍN
FÉLIX CABALLERO, XAQUÍN MARÍN

Title:
Migrados, oprimidos e retranca. Entrevistas con Xaquín Marín
Resumen / Abstract:
Entrevista a Xaquín Marín na que repasa as principais etapas da súa carreira como humorista gráfico e reflexiona sobre o seu estilo ea evolución do debuxo humorístico en Galicia. / In this interview, Xaquín Marín reviews the main stages of his career as a cartoonist and reflects on his style and the evolution of satiric cartoons in Galicia.
Palabras clave / Keywords:
Xaquín Marín, Humor gráfico gallego, Humor en la segunda mitad del siglo XX/ Xaquín Marín, Galician Satiric Cartoons, Cartoons in the second half of the XXth Century
Notas:
Esta entrevista ha sido traducida al español por Félix Caballero en esta misma revista. Todas las imágenes de la entrevista son autocaricaturas del autor.

EMIGRADOS, OPRIMIDOS E RETRANCA

ENTREVISTA CON XAQUÍN MARÍN

Este texto é o resultado da fusión de dúas entrevistas (convenientemente expurgadas) realizadas a Xaquín Marín por Félix Caballero o 3 de diciembre de 2010 e o 4 de outubro de 2012, respectivamente. A primeira, contestada por correo electrónico, publicouse no libro O humor en cadriños (Morgante, 2012), do devandito autor. A segunda –unha entrevista persoal, que tivo lugar en Fene– foi realizada para a tese de doctoramento sobre o humorista defendida por Caballero na Universidade de Vigo o 23 de outubro de 2015 e permanecía inédita ata o de agora.

Primeiros pasos na pintura

Vostede naceu en Ferrol, mais levárono a Fene cando tiña só uns meses, porque o seu pai era mestre aí…

Había unha escola onde está hoxe a Casa de Cultura[1]. Empecei a debuxar na pizarra. Meu pai tiña un sistema que creo que me beneficiou bastante: todos os días no encerado puña un debuxo e un texto, e o tiñamos que facer. Había que debuxar á forza. Despois foime gustando e eu o que quería era ser pintor. Empecei a pintar con algún amigo que tamén pintaba e saiamos por aí a pintar.

Cando aínda era un neno gustáballe xa La Codorniz?

Meu pai compraba La Codorniz e me gustaba “O Matrimonio Siniestro” de Mingote e algúns outros. En Topor[2] non me fixaba aínda, iso foi máis adiante. Era outra cousa que pensaba: se algún día estivese eu en La Codorniz… Era o máximo que podía haber. Eu pensaba en ser pintor, pero sempre había algo de humor detrás. De feito, nos meus cadros case sempre había unha idea humorística detrás, que algún crítico me botou en cara, non lle parecía ben.

Fixo algunha exposición en Ferrol antes de ir a Madrid?

Si, fixen exposicións colectivas en Fene e individuais en Caranza[3] e Pontedeume.

Cando entrou a traballar en Astano[4]? Traballou de proxectista, coma Siro[5] en Bazán[6]?

Coido que en 1958, cando tiña 15 anos. Entrei de aprendiz de Armadores, e logo de saír operario pasei a Métodos, que era unha especie de Delineación, pero non fun proxectista.

                   
    Varios autorretratos temperáns de Xaquín Marín. O primeiro, , á esquerda, un a pluma de 1961. O segundo, para o cartel de súa primeira exposición individual, no Círculo Mercantil e Industrial de Fene, en 1967. O terceiro, á dereita, autorretrato pintado de 1968.    


Primeira estadía en Madrid. A Estampa Popular Galega

Sendo novo, marchou a Madrid para tentar vivir da pintura. Se chega a triunfar como pintor non sería humorista gráfico…

Aínda que pretendía ser pintor, nos meus cadros xa primaba o humor; coido que estaba predestinado.

Fáleme desa primeira estadía súa en Madrid.

Foi en 1968, cando as revoltas de París. Aínda non coñecía a Reimundo Patiño[7]. Estiven un ano. Dediqueime a ver exposicións, pintar e expoñer na rúa. Fun o inventor de poñer os cadros na rúa, na entrada da Gran Vía. Pero non vendía. Algunha oferta me fixeron, pero daquela era tan puro que non quería vender, parecíame un mercado aquilo. Vin moitas exposicións. Recorríame Madrid enteiro a pé mirando as galerías de arte. A última hora entrei en contacto con Toisón [a galería de arte], onde logo expoñería dúas veces. E foi ademais un contacto moi curioso. Eu viña da rúa de expoñer e levaba uns cadros debaixo do brazo, que eran taboleiros. Estaba mirando a exposición que había alí e se me achegou o director da galería [Modesto Martínez Sueiro]. Era galego e díxome: “Ti es pintor? Déixasme ver o que levas aí?”. Ensineille os cadros e dixo: “E non te prenderon por poñer eses cadros na rúa? Pois ti vas expoñer aquí”. Vinme para Galicia e logo fun a levar a exposición. Fixen unha exposición aí gratis, non me cobrou.

Foi en Ferrol a unha conferencia de Xesús Alonso Montero sobre a Estampa Popular Galega e o profesor deulle a dirección en Madrid de Reimundo Patiño para que lle poideses pór en contacto con eles…

Tamén se chamaba Nova Estampa Galega. Cando terminou Alonso Montero lle preguntei como podía poñerme en contacto con eles e me deu a dirección de Patiño. Escribinlle e me contestou, o que era rarísimo, porque non escribía, e logo fun á súa casa.

Supoño que os presupostos da Estampa eran ser reivindicativos e ter unha estética galega…

Máis o primeiro có segundo, aínda que había tamén esa preocupación de ter unha estética galega.

Mais Patiño advertiulle axiña que o movemento estaba a morrer…

Todo eran problemas, porque lles pechaban as exposicións e lles secuestraban os gravados. Facían exposicións itinerantes por Galicia e tamén algunha en Madrid. Quen organizaba todo era Patiño. [Alberto] Datas (que era veciño de Patiño), Beatriz Rey… Tamén había algunha xente que vivía en Madrid, como [Vicente] Vázquez Diéguez. Ata integrou algún debuxante que non era galego, como Tino Calabuch, que tiña unha galería en Madrid. Facíanse exposicións itinerantes de gravados porque tiñan máis difusión, se podían vender baratos e eran máis fáciles de trasladar.

Cantas exposicións fixo con eles?

Só unha, na Casa de Campo de Madrid. Logo pecharon. Aproveitando que estaba eu, Patiño fixo unha reunión para proclamar algo, creo que só con Datas e Beatriz, pero xa non se fixo practicamente nada.

Que valoración fai hoxe da figura de Patiño?

Inmensa. Creo que non se mirou todavía o que valía, tanto artisticamente como precursor teórico da arte galega. Fun a unha exposición que lle fixeron en Santiago, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)[8], que estaba moi ben montada, cuns cadros xigantes. Era realmente impresionante. Unha cousa que che deixa marcado para toda a vida, supoño que a xente que foi lle pasaría iso. Patiño tiña moitos detractores, porque era moi abstracto, era moi raro o que facía, pero aquela explosión de color nas paredes era impresionante para a xente que viu esa exposición. A min me xustificou, díxenme: “Patiño, se estivese vivo, tería unha xustificación da súa carreira, quedaría co peito ancho”.

               
    Cartel dunha exposición na Galería Toisón de Madrid, 1968. Na imaxe central, autocaricatura de 1976. Á dereita, cartel dunha exposición de obras de X. Marín celebrada na Galería Sargadelos de Madrid en 1977.        


Segunda estadía en Madrid. Redor e Brais Pinto

En 1972 volveu probar a aventura madrileña…

Collimos un piso de casualidade preto de Patiño. Pagábamolo entre Xosé Luís Castro, Miguel Carballo (que agora asina con K), eu e Patiño (por facernos un favor, supoño, porque el aí non pintou practicamente nunca). Eses catro eramos socios no piso da rúa Saavedra Fajardo. Castro morreu recentemente. Carballo tivo unha galería de arte en Ourense e segue dedicándose á pintura.

Ademais de en Toisón, expuxo tamén na galería Redor…

Si, unha vez. A exposición titulábase Dos pés á testa. Redor era a galería de Calabuig. Era un sótano moi grande que estaba preto da Porta de Alcalá. Era unha galería moi revolucionaria, tanto na vangarda que expuña como nos socios que tiña. Eran todos do Partido Comunista ou máis alá.

En Madrid, a través de Patiño, entrou en contacto co grupo Brais Pinto[9]

Si. El era o fundador de Brais Pinto. A refundación de Brais Pinto fíxose no piso de Saavedra Fajardo. Aí se facían as reunións. Por certo que Castro e mais eu collimos accións da editorial e agora non aparecemos nunca como refundadores de Brais Pinto. Eu non sei se as chegamos a pagar. Ao mellor é que non as pagamos. Como non tiñamos cartos collimos unha acción entre os dous.

No refundado Brais Pinto seguían estando os fundadores do primeiro?

Estaban case todos. [Xosé Luís Méndez] Ferrín non foi a ningunha reunión pero estaba. Delegaba. Bautista Álvarez e Ben-Cho-Shey [Xosé Ramón Fernández-Oxea], tamén. Por certo que Bautista Álvarez sempre levaba ás reunións unha carteira con panfletos [da Unión do Pobo Galego (UPG)[10]] que era un problema se nos entraba aí a policía, porque era fácil que un veciño dixese: “Aquí entra moita xente”.

Que relación hai entre o humor gráfico e a pintura?

Non é preciso ser pintor para facer humor, nin ser humorista para pintar, pero tampouco estorba. As dúas técnicas empezan no mesmo –o debuxo e a elipse–, pero logo se pode facer humor dun xeito nada pictórico e pintar sen pinga de humor. No meu caso pasei do debuxo á pintura; logo, como pintando quería contar moitas cousas e a canta máis xente mellor, pasei ao cómic; e logo de experimentar neste a elipse nas historia, á maior sintese posible, a viñeta.

Cando mataron a dous obreiros de Bazán en 1972[11], estaba vostede en Madrid?

Si, e estupidamente queríame volver, pero Patiño me convenceu de que non pintaba nada aquí.

           
    Autocaricatura de 1985. Á dereita, cartel dunha exposición no Instituto Politécnico Marqués de Suanzes, Ferrol, 1986.        


Chan

Como chegou a Chan[12]?

No cómic meteume Patiño a partir das miñas primeiras visitas a Madrid. A min sempre me gustou, pero non facía cómic, pintaba, quería pintar. Patiño viu os gravados que fixen case expresamente para entrar na Estampa e dixo: “O teu debuxo é moi apropiado para o cómic. Por que non fas cómic?”. Daquela, el estaba moi metido en querer facer cómic, porque dicía que era moito máis popular, menos elitista cá pintura (despois variou; el volveu pintar; en cambio eu fun ao revés). Entón, volvín para a casa despois dunha entrevista con Patiño e púxenme a facer cómic. E como non había outra publicación mandeinos a Chan. A Perfecto Conde [que faciá as veces de redactor xefe e foi quen lle contestou] xa o coñecía da miña primeira estadía en Madrid.

Cantos cómics publicou en Chan?

Creo que seis: O emigrante, A leiteira, Camiños a escoller, A percura de comida, Rogativas, A cobra do verao (que era unha dobre páxina) e outro dun astronauta que aterra en Pedrafito do Cebreiro e que non chegou a saír [en realidade publicáronse só catro: Camiños a escoller tampouco saíu e Rogativas publicouse en Teima].

                 
      Viñeta con autocaricatura de 1988.       Viñeta con autocaricatura de 1988.      


Hermano Lobo
e La Codorniz

En ‘Hermano Lobo’ os seus debuxos non lle gustaron a Chumy Chúmez, que era o director artístico. Como foi iso? Gustáballe a vostede o traballo de Chumy?

Chumy opinou que os meus debuxos eran “underground” e que non ia nesa liña a súa revista. Aínda que a vez que falou comigo non foi moi agradable, teño que recoñecer que, antes e despois do noso encontro, foi uns dos meus humoristas gráficos preferidos.

Chegou a publicar algún debuxo na revista?

Non, só artigos por un desafío que me fixo [Ángel] García Pintado, que era o director.

Cantos artigo publicou?

Catro.

E logo non volveu escribir?

Non, porque despois xa me centrei no debuxo. En La Codorniz intenteino. Ofrecínllelo, pero me dixeron: “Non te metas noutra cousa”. Tiñan moita xente colaborando e non quererían que lles pisase o sitio.

En La Codorniz comezou a colaborar despois do verán de 1972…

Estar en La Codorniz era para min un soño. Empezaron publicándome unha serie de debuxos moi negros, moi toporianos [polo debuxante francés Roland Topor]. Por exemplo, un home tirándose dun trampolín cunha soga ao pescozo. Estaba aforcándose, pero con estilo. O outro home sen pernas, nun carriño e co rótulo no lombo: “Yo hóckey sobre patines”. Naquela época había unha campaña con pegatinas dicindo que deporte practicabas. Cousas así. Seguín colaborando e ía algunha vez por Madrid a cobrar.

Aí publicou por primeira vez os pés, que chegaron a ser portada en tres ocasións…

     
      Autocaricatura de 1992.

O pé naceu da busqueda dunha situación intemporal que caricaturizase calquera situación que se poidese dar. Trateinos de colocar en Triunfo, pero non se atrevían. E empezaron a saír en La Codorniz. En El Ideal Gallego creo que non se publicou ningún. En Galicia saíron n’A Nosa Terra co título de “Historias de esmagados” e despois empecei a metelos en todas as partes.

En La Codorniz creou un estilo persoal que anovou cunha especie de división en mosaicos…

Fun pasando por varios estilos. A división en mosaicos era unha facilidade técnica que logo veu facilitar debuxos que algo se semellaban aos que se facían para decorar cerámica. En La Codorniz non o facía ninguén.

Con que humoristas de La Codorniz tiña relación?

Eu ía pola redacción de vez en cando. Na redacción traballaban algúns: Julio Cebrián, Pablo, Pgarcía e poucos máis. Despois facíase unha comida mensual no restaurante “La Walquiria”, pero eu non ía porque a comida era cara e non tiña cartos. Fun só unha vez. Claro, a maioría deles tiña a súa profesión e o que cobraban de La Codorniz era extra.

Seguiu colaborando en La Codorniz cando a dirixiron Summers e Cándido?

Con Cándido xa non estaba eu. Houbo un tal [Miguel Ángel] Flores, que era en realidade Chumy detrás. Era un espantallo. Díxome que siguese mandando, pero seguín mandando e publicáronme só dúas veces. Non publicaban nada, así que se acabou. Ademais, daquela La Codorniz era moi política, moi de actualidade, e iso a min tampouco me ía. Xa cambiou cando a dirixía Summers, que era un tipo moi criticado, pero creo que valía moito. Acusábano de facha, pero non o era. O que pasa é que non se casaba con ninguén, era libre coma o vento.

Por esa época tamén colaborou en Posible

Comecei a raíz da exposición de Redor. Algún colaborador da revista viu a exposición e gustoulle, e dixéronme se podía empezar. Comecei con cousas que tiña na exposición: con Testa e os pés. Colaboraría durante máis dun ano.

E tamén en Futbol-in, a revista deportiva de humor que saíu en Madrid a imitación de Barrabás, que se facía con éxito en Barcelona.

Mandáronme alí de La Codorniz. Publiquei unhas tiras, pero como non me pagaron me fun. Tampouco lles convencía moito, porque dicían que de árbitros tiñan moito material[13].

                     
                 
    Autocaricaturas en senllas viñetas de 1993 y 1995.    
         

El Ideal Gallego

En 1975 volveu vivir a Galicia. Ata que punto o seu regreso tivo que ver cun compromiso persoal coa terra?

Bastante. Home, daquela non tiña ofertas de traballo, pero en Madrid había xente que me dicía que me quedase, que alí podiamos facer cousas. Á parte que tiña un posto de traballo esperándome en Astano, parecíame que había que facer máis cousas aquí que alí.

En 1975 volveu a Galicia e comezou a colaborar en El Ideal Gallego

Ao principio publicaba sen periodicidade fixa, de cando en cando, cando lles parecía a eles: podía ser día si día non. Tamén houbo os seus paróns, porque cambiaron de director e os novos non contaban comigo. Dicían que si, que ía seguir, pero non aparecía nunca. Algún xa me tiña desesperado. Só colaborei diariamente nos últimos anos, cando nomearon director a Ángel Padín[14].

En El Ideal estivo bastante amolado…

Pagaban moi mal e ademais, como non publicaba todos os días, non era nada.

En El Ideal chocou logo co director, Rafael González, porque lle censuraba algúns traballos…

Eu estaba sempre enfadado con el porque me censuraba algún debuxo, pero despois soube que me defendeu moito nos consellos de administración do xornal, porque había xente que quería suprimirme. Cando o atopei en Madrid unha vez nos Premios Agromán[15], pedínlle perdón porque me equivoquei con el plenamente, eu estaba en contra del de todo. A min me aparecían anónimos e ao director tamén, cun papel timbrado de hoteis estranxeiros de cinco estrelas, así que tiña que ser unha persoa que viaxaba, pero nunca cheguei a saber quen era. Eu tiña as miñas desconfianzas dun membro do consello de administración do xornal, pero probas non teremos nunca. Os anónimos dicían. “Vete para tu tierra”. Debían de pensar que eu non era de aquí ou saber que meu pai non era de aquí. Ao director tamén o insultaban, pero non eran amenazantes. Non me preocuparon gran cousa. Ao revés, a min aquilo xustificábame o traballo (“algo estarei dicindo cando este se cabrea”). Ao parecer, o que máis lle cabreaba eran os xinetes[16]. Iso non sei de onde me chegou. Quizais fose Siro quen o descubriu.

Daquela, Chumy facía ás veces unha viñetas semellantes aos seus xinetes. Influíron en vostede?

Claro que estaba influido por Chumy, no do xinete, que tamén vin a outros autores, e en moitos outras cousas.

En El Ideal sustituíu a Atomé, que acababa de morrer…

Recortaba os debuxos do periódico e sempre andei detrás dun libro que ten publicado pero non o cheguei a ver[17]. Era médico de Santa Comba, un humorista popular que non debuxaba mal. Paréceme que se lembra menos do que se debería. É coma unha especie de ponte entre Castelao, Torres, etc. e nós. Parécese bastante a Torres no debuxo.

                 
    Autocaricaturas dos anos 1997 y 1998.    
         

Foi en El Ideal Gallego onde publicou por primera vez a “Gaspariño”…

Si, nunha páxina en galego que se chamaba “A furna do rei Cintolo”, onde viñan artigos en galego de xente que daquela era moi nova e hoxe é moi coñecida. “Gaspariño” foi unha odisea porque non o publicaba nadie. Levábao por todas as partes e non o quería ninguén. Levei as tiras a El Correo Gallego e o director deixounas nun caixón, e despois de pedirllas mil veces tiven que ir aí dicirlle que mas devolvese, porque nin as publicaba nin daba ningunha xustificación.

Gaspariño foi o seu personaxe máis popular…

Si, seguramente porque era un neno e non había moitos outros. Calculeino pensando que a un neno lle ían permitir máis cousas ca un maior, e funcionou, porque dicía cousas que naquela época eran moi atrevidas, pero como as dicía un neno colaba, non tiven ningún problema de censura. Ou sexa que o plan que urdira resultou. Gasparíño apareceu nun cartel das Festas de San Xoan de Carballo e nun sinal de tráfico en Malpica, e tamén fixen tiras para libros de texto da editorial SM.

De onde xurdiu o nome?

Había un dito que dicían os meus compañeiros na mocidade: estás máis delgado que Gaspariño, que lle caía a camisa polos ombros porque tiña o colo moi grande. Seguramente era un dito local. Non había ningún neno que se chamase Gaspariño.

Desde 1988, cando entrou en La Voz de Galicia, no o volveu publicar, aínda que segue a debuxalo para si…

Si, porque fago debuxos onde aparece, incluso de encargo. Quedouse un pouco desfasado.

Pode ter algún paralelismo co Balbino de Xosé Neira Vilas, ao que debuxou recentemente para a edición conmemorativa dos 50 anos de Memorias dun neno labrego[18]?

Creo que non, o que pasa é que nesas ilustracións e nalgunha máis que fixera antes para Neira Vilas inevitabelmente vou para Gaspariño. De feito, el sempre corrixe e di que os nenos non eran así.

Logo creou outro personaxe infantil, Lixandre…

Naceu no suplemento para nenos de El Ideal[19]. Saía os domingos. Era unha tira vertical, un formato complicado. Tíñame que adaptar ao espazo que me deixaban, que era moi pequeno, como a cuarta parte dunha folla do periódico. Saía a tira de Lixandre e unha poesía galega. Faría cerca de cen. Padín me dixo que ía sacar un libro con cen debuxos meus, que fixese eu a selección. Fíxena a mandeille os debuxos, mais botaron a Padín de director e nunca máis souben deles. Ían ir dentro dunha caixa. Era un proxecto moi complicado, moi caro, e ao final fracasou, seguramente por iso. O peor é que, despois, os fillos dun xornalista de El Ideal que se chamaba Guillín [Juan Guillín Varela] alardeaban de que tiñan moitos debuxos meus, e tentaron vendelos ao alcalde de Fene para o Museo do Humor. Andaban negociando con eles. Eu non me atrevín a reclamarllos porque non tiña probas.

Lixandre vén sendo un precedente de Tonecho, que creou moitos anos despois…

Tonecho está entre Gaspariño e Lixandre. Gaspariño era un neno de aldea. Lixandre non está moi definido, pero tamén. E Tonecho é un neno urbano. Gaspariño nunca o pensei para nenos. Lixandre saía nun suplemento de El Ideal que traía xogos para os nenos [Para Todos, saía os domingos], e Tonecho, nunha publicación tamén para nenos[20].

     
Autocaricatura de 1991 coa que foi merecente do Premio Paleta Agromán 1991.      
       

Estando en El Ideal gañou por primeira vez o Premio Paleta Agromán[21]

Non acudín a recollela, e ninguén sabía quen era. Non fun xa que daquela viviamos unha época moi convulsiva en Astano, estabamos en folga, xa non sei por qué, pero o certo é que lles costou localizarme e a entrega era ao día seguinte e non me apetecía tanta urxencia. No xurado estaba Antonio Mingote. Co paso dos anos cheguei a saber que impuxo o seu criterio fronte os que querían que gañara outro máis coñecido.

En 1991 repetiu premio…

Foi entón cando coñecín a Mingote, pero supoño que xa non tivo tanta intevención. A entrega tivo lugar nas oficinas de Agromán en Madrid. Logo, cando cheguei a casa, comprobei que o cheque estaba sen firmar. A viñeta premiada era unha autocaricatura debuxando, deixando caer una pinga de tinta da que fuxen as persoaxes debuxadas.

Semella que algúns humoristas se especializaron nos concursos internacionais. Participou vostede en moitos?

Participei en Sintra [World Press Cartoon] moitos anos. Tamén en Gabrovo [Bienal do Humor e Sátira nas Artes de Gabrovo, Bulgaria] un par de veces, en Vila Real [Salão Luso-Galaico de Caricatura de Vila Real, Portugal] outras dúas, na Kartaoenale (Euro Kartaoenale, Kruishoutem, Bélxica) una vez, no Peloduro [Premio Internacional de Humor Gráfico Peloduro, Lavalleja, Uruguai) outra, en Knnoke-Heist (Cartoon Festival Knnoke-Heist, Bélxica) outra, e pouco máis. Non son moi de concursos, máis que nada porque os debuxos dan moito traballo ­–polo menos a min– e moitas veces non os devolven.

Pero si se prodigou como xurado de importantes certames internacionais. Vostede é a única persoa que ten participado como tal nas 19 edicións do PortoCartoon de Porto (Portugal)[22]

É una honra, pero é que era o único que fundara e dirixía un Museo do Humor, e como tal fun convidado a Tenerife[23], onde coincidín no xurado con Osvaldo [Macedo de Sousa]. Logo comecei no PortoCartoon, e non o debín facer moi mal, cando aínda sigo [é a única persoa que ten sido membro do xurado nas súas 19 edicións (1999-2017)] e desde onde fun de xurado a Piracicaba[24] e a Lisboa ao Concurso Europeu de Cartoon[25]. Pero que conste que non me sinto representante de ninguén.

Teima e A Nosa Terra

En 1976 sumouse ao proxecto galeguista de Teima[26]

Colaborei desde o principio. Fixen 13 ou 14 tiras de Caitano, unha portada e algunha ilustración.

E estivo tamén na renacida A Nosa Terra[27] desde os comezos…

Estiven anos. Fixen as “Historias de esmagados”, que eran os pés en formato de tira horizontal, e logo a D. Augusto, un cacique. Colaboraron tamén moitos outros humoristas: Xosé Lois, Carreiro, Silvar. Pepe Barro, Chichi Campos… Daquela había poucos vehículos para o humor gráfico.

Por que deixou de colaborar n’A Nosa Terra? Por que seguiches aparecendo despois durante máis dun ano no cadro de persoal?

N’A Nosa Terra levaba moito tempo sin cobrar e aínda que un está afeito a traballar sin cobrar, e máis doado cansarse traballando así.No cadro podes aparecer ata que te borren. Noutros sitios non apareces e colaboras.

       
         
    Viñeta sen datar na que Marín se representa debuxando a súa viñeta para o xornal.
Autocaricatura de 1999.
   
         

La voz de Galicia

En 1988 pasou a colaborar diariamente en La Voz de Galicia, onde leva xa máis de 25 anos[28]

Foi precisamente cando marchei de Astano por mor da reconversión industrial. Xa houbera un intento anterior de ir a La Voz. Por unha secretaria do xornal chegárame a noticia de que me querían. Entón fun entrevistarme co director, que por certo me recibiu nas escaleiras. Díxome que xa me chamarían, que daquela non había sitio. Afortunadamente en El Ideal non dixen “voume” porque se non, quédome colgado. En La Voz fixen de todo: viñetas, tiras (“El Impaís”, “Ecos de Sociedade”), ata algunha páxina de cómic, pero de forma esporádica, porque son moi cerrados á maqueta e non queren variar nada. As veces que fixen unha viñeta dobre xa non entraba. Ao principio facía viñetas soltas, a maioría da emigración. Siro facía a caricatura dalgún membro da política galega e eu era un pouco máis libre. Empecei nas páxinas editoriais, logo pasei a Sociedade ilustrando un artigo, que era horrible, un sufrimento. Máis tarde volvín ás páxinas editoriais, pero relampantemente. Estaría dez días ou así e quitáronme outra vez e puxéronme en Pasatempos, onde sigo agora.

Daquela houbo un retroceso na valoración do humor gráfico por parte dos xornais?

Creo que é claro. La Voz nalgún momento tiña a Pepe Carreiro e un montón de xente, e despois meteunos nas edicións locais. En todas as edicións locais hai un debuxante[29]. Polo tanto hai moitos debuxantes traballando en La Voz, pero o sitio… Pero non só en La Voz. En España incluso. Non sei se viches onde poñen a Romeu en El País[30]. Paréceme desaproveitalo totalmente. Claro que hai vacas sagradas as que si lles prestan atención.

En La Voz comezou a debuxar a Isolino, que segue a ser o protagonista da súa viñeta diaria. É o seu alter ego a medida que se vai facendo vello?

Pode ser. Tamén pensei que como fixera moitos nenos pois agora imos facer o contrario.

Ten Isolino algo de Gaspariño e Gaspariño algo de Isolino?

Claro. Ten o autor, e iso marca carácter. A filosofía é a mesma.

Isolino podería ser Gaspariño de vello?

Si, aínda que Gaspariño era de aldea e Isolino é de cidade.

Pero podería ser un vello de cidade que foi neno de aldea…

Pero non trata demasiadas cousas da aldea.

De onde xurdiu o nome de Isolino?

Andei buscando un nome que resultase sonoro e que non abundase moito, porque se lle chamas Pepe todo o mundo se daría por aludido. É musical, paréceme.

En Golfiño creou a Palleiro e Tonecho…

Palleiro apareceu no número 0, en febrero de 1999, e rematou no nº 63, o 27 de xullo de 2003. Naceu dunha ilustración que me gustou, como algo especial. En seis ou sete ocasións foi integrado na páxina de Tonecho, que apareceu no número 0 e rematou no último [o 88], case sempre na tapa posterior e dúas veces en portada.

Ten contacto coa redacción de La Voz?

Moi pouco. Antes tiña que ir de cando en cando, pero hai moitos anos que non. Cando se facían Golfiño e Xatentendo.com[31] coincidía con moitos. Eramos practicamente todos os humoristas de Galicia. Os directores cos que coincidín foron Juan Ramón Díaz [1976-1997], José Luis Gómez Gómez [enero 1997-abril 1999], Ernesto Sánchez Pombo [abril de 1999-5 de xuño de 2000], Bieito Rubido [5 de xuño 2000-22 de marzo de 2006] e Xosé Luis Vilela [desde o 31 de marzo de 2006]. Para min o mellor foi Sánchez Pombo: tiven mellor relación con el que cos demais, cos que non tiven mala relación nin boa: descoñecemento mutuo.

En 2010, Adega[32] deulle o premio Oxíxeno polo seu compromiso coa cultura galego e o medio ambiente, mais renunciou a el porque ao editor de La Voz lle deran o Premio Dioxina por impulsar unha liña editorial que supostamente atentaba contra eses mesmos valores…

Non me parecía coherente que me desen o premio e asemade ao presidente do Consello de Administración do xornal onde fixen a maioría do traballo polo que me premiaban lle desen o premio contrario pola liña do periódico. Renunciei, pero eles non se fixeron eco, non publicaron nada nin dixeron que renunciara.

       
        Autocaricatura de 1999.
         

O rexurdimento do humor gráfico galego

En 1975, cando comeza a colaborar en El Ideal Gallego, os únicos humoristas gráficos que publicaban en galego eran vostede, Siro, Quesada e Lalo…

Quesada ás veces, porque utilizaba tamén o castelán, e Lalo creo que tamén esporadicamente. Si, había un baleiro moi grande, porque non había facilidade; nadie quería publicar en galego nin humoristas críticos, porque non se podía.

Tras a morte de Franco, a censura foi desaparecendo timidamente ou gozaron de súpeto de liberdade?

Xa houbo antes a Lei Fraga, que era unha especie de trampa para cazar xente, pero os humoristas xa empezaban a atreverse a dicir cousas e os directores dos periódicos xa arriscaban un pouco. Estábase xogando coa liña da permisividade. Poderase ou non? Probábase. E había que facer as cousas un pouco críticas, que desen a entender pero non… Había humoristas que tiveron problemas. O máis intelixente era non ter problemas dicindo cousas. Censura segue e seguirá habendo, porque hai unha censura de intereses no medio onde publicas, que nunca é teu. E cando houbo revistas que eran nosas –Can sen Dono, Xo!, Retranca–, ao mellor un día publicas algo que é inconveniente para algunha xente e condiciónache publicidade, etc. O sexa, que poden estropearte a vida. Tamén hai que andar amodiño.

Contra 1970 comezou  unha nova etapa no humor gráfico galego cos primeiros traballos seus e de Siro, mais o Manifesto en defensa do humor que publicaron ambos os dous en 1983 supuxo o auténtico punto de inflexión…

Coidabamos que o humor galego estaba en perigo de desaparición e pretendiamos que, acompañado dunha exposición dos dous, chamase a atención para facer reaccionar a todos. Parece mentira pero houbo certa revolución. Xa en Sada[33] apareceran máis humoristas que estaban traballando por outro lado: Carreiro, Gogue, Carlos Silvar, etc., etc. Aflorou unha serie de xente en cantidade e calidade importantes. Incluso houbo ofrecementos co gallo do Manifesto, porque se dirixiu un escrito a todas as publicacións, e houbo algunha contestación dicindo que aceptaban humoristas, pero me parece que ningún humorista apareceu.

Que opinión ten de Quesada[34]?

É un gran debuxante e ademais ten moita graza. O debuxo é bo e eficaz e os textos son moi graciosos. É un dos humoristas máis graciosos que atopei. E persoalmente é tan gracioso como no debuxo.

E de Chichi Campos[35]?

Era o mellor humorista espontáneo, unha persoa capaz de sacar un chiste en calquera momento. Era moito máis rápido e espontáneo cós demais, aínda que, ao mellor, menos consistente, porque andaba ao seu. Como debuxante era áxil, como correspondía ao seu estilo. Hai xente que é máis reflexiva e párase máis, pero se te paras moito no debuxo case te impide facer chistes dun momento. Chichi empezaba a debuxar nunha taberna e facía mil chistes seguidos de calquera tema. Tiña unha grande inspiración e unha gran rapidez, tanto debuxando como pensando.

Co pulo dos anos 80 e 90, pódese falar dunha nova idade de ouro –ou dunha idade de prata– no humor gráfico galego?

Eu creo que ouro non houbo nunca. Home, despois de empezar a funcionar o Museo do Humor de Fene houbo unha serie de actividades, dentro da modestia. E houbo case sempre unha publicación que era unha aventura, pero funcionou durante algún tempo: Can sen Dono, Xo!, Retranca… Agora mesmo non hai nada outra vez.

Como coñeceu a Siro?

Veu a unha exposición que fixen en Caranza. Eu xa coñecía a súa obra e mesmo un primeiro libro que tiña[36].

Axiña xurdiu unha gran complicidade entre os dous…

Claro. Eramos debuxantes, nacimos os dous en Esteiro[37] e estabamos aquí ao lado[38].

Siro e mais vostede foron dous dos grandes animadores do humor gráfico galego neses anos…

Estaba o núcleo norte (Siro, Calros Silvar, eu…) e o núcleo sur (Carreiro, Gogue, Picho [Xosé Alberte Suárez Lage], [Antonio] Mascato…). Ata nalgunha ocasión se falaba de guerra norte-sur, pero eu, polo menos, non estiven en ningunha guerra. Tiven contactos cos do sur e traballei en todos os proxectos que fixeron. E cos do norte, por suposto.

Participou vostede en todos os Encontros de Humoristas dos anos 80?

Si, participei en case todos. Aí se falou de facer un museo do humor e eu dixen: “Xa é tarde”, porque xa estabamos en Fene co proxecto.

Tamén se falou de facer unha asociación de humoristas…

Formouse unha directiva –creo que presidida por Francisco Oti–, pero non chegou a funcionar. A asociación case tumbeina eu. Todo o mundo estaba de acordo e eu dixen que non, que xa tiña carné de identidade e non quería máis sociedades. E parece que convencín a algúns. Eu non era nada partidario de asociacións. De feito, agora non son membro da AGPI [Asociación Galega de Profesionais da Ilustración]. En cambio, son membro da FECO [Federation of Cartoonists Organizations], a federación mundial de humoristas gráficos. Outro tema que se falaba cando o da asociación de humoristas era unificar os prezos. Eu dixen que iso era unha tontería, porque cada un ía cobrar o que podía. Tampouco estabamos para discutir dos prezos cando era unha vergoña o que pagaban. Se un conseguía cobrar moito, mellor para el. Iso non se pode regular. E acertei, porque non había entusiasmo ningún. Todo o mundo dicía que si, pero non.

O Museo do Humor de Fene

Siro cre que a ubicación do Museo do Humor en Fene foi un erro, que tiña que ter estado nunha cidade grande (Santiago, A Coruña, Vigo…) para ter unha maior proxección…

Eu mantiveno aquí porque aquí foi a creación e listo, non hai outra cousa. Hai museos moi importantes en cidades moi pequenas. O que importa é o museo, non a cidade. De acordo que aquí o presuposto sempre foi pequeño, pero aí está tamén o mérito.

       
     
       
Autocaricatura do autor de 1999, usada como distintivo do Museo de Humor de Fene.      

Vostede foi director do Museo durante 24 anos…

Non, porque ao principio non era director. Era como conselleiro, pero non me pagaban nada. Pasaron uns anos sen que houbese director. Despois, como isto tivo un pouco máis de auxe, dixéronme: “Non quererías ser director a media xornada?”.

En 1999 o Museo do Humor concedeulle a vostede a Curuxa de Barro, o seu premio negativo. Como foi iso?

Entregueimo a min mesmo por fallar na convocatoria do concurso. Non foramos capaces de xestionala ben e non tivemos traballos de abondo nun apartado, non sei se a Curuxa literaria, a de honra ou a dos medios de comunicación.

Que é o que considera máis valioso ou orixinal dos seus fondos? Que persoeiros destacaría entre os que visitaron o Museo co gallo dos Premios Curuxa ou en calquera outro momento?

Canto ao máis valioso, hai debuxos de Atomé, Torres, Gila, Edgar Neville, Goñi, Serafín... Entre os visitantes destacaría a Coll, Prieto Nespereira, Neira Vilas, P. García, De la Nuez, Cau Gómez, Molina, Tomy, Serafín, Pablo...

Segue vostede vencellado a el? Está suficientemente valorado? Por que é tan difícil pór en marcha unha iniciativa así?

Sigo vencellado animicamente, iso non se pode quitar. Coido que non está valorado de abondo e que o que se fixo non foi tan complicado de pór en marcha. O difícil foi mantelo vivo e menos doado sería facer todo o que eu pretendía[39].

A tradición plástica galega

O vencellemento da súa estética á tradición plástica galega foi intuitivo ou froito do estudo?

En principio foi intuitivo – xa me saía así–, pero despois me reforcei con Patiño e cos seus textos sobre a pintura galega, e contemplando a obra de [Luís] Seoane,[Manuel] Colmeiro, [Manuel] Pesqueira, Laxeiro [Xosé Otero Abeledo] e moitos outros pintores galegos. Laxeiro negouna. Eu escribín un artigo en El Ideal Gallego dicindo que por moito que a negase el estaba metido. Eu creo que coincidían. Non quere dicir que todos os pintores galegos pintasen o mesmo nin que non exista. Eu creo que había unhas características que se deban en moitos pintores galegos: o horror vacui, o hieratismo ou a aparencia pétrea, as formas redondeadas (Patiño engadiu “opostas ás formas angulosas”, pero eu creo que era para xustificar o que facía el) e os volumes simétricos; un tipo de composición simétrica sin ser exactamente simétrica, unha composición en uve.

Onde sitúa a Castelao dentro desa tradición?

Castelao debuxaba como debuxaban en Europa. Era unha corrente que había naquel momento. De feito parécese a Grosz, a moita xente… Estaba influído por ese modernismo. Non estou quitándolle a súa estética galega, que a tiña, porque un non vai inventar nada, senón que funde o que pensa co que hai.

Pero séntese tamén debedor de Castelao e dos humoristas gráficos galegos anteriores á Guerra Civil?

Nos meus principios, pouco coñecía a Castelao e menos ao resto de cartonistas anteriores á Guerra Civil. Logo, ao coñecelos, non descarto coller algunha influencia, ao traballar nas mesmas condicións e partir das mesmas raíces estéticas e mesmo filosóficas.

Está de acordo con Siro cando di que hoxe en día só hai dous humoristas gráficos galegos que debuxen en galego: vostede e máis Pepe Carreiro[40]?

Non, porque o de Carreiro non me parece un debuxo esteticamente galego, con todos os meus respectos. Gústame o que fai, pero esa economía de trazos non a caso eu coa tradición galega. Carreiro é liña esquemática, moitas liñas rectas. É máis, Máximo díxome unha vez por Carreiro: “Hai un debuxante galego que me copia”. Non o copiaba nin moito menos. Carreiro ten tido varios estilos, como todo o mundo, pero máis acusados. Pasou dun barroquismo de liñas a esa estética de economía de liñas.

       
    O autor en 2007 nunha viñeta de homenaxe a Mingote.    
         

O estilo

Hai que coidar moito o debuxo no humor gráfico?

Nisto hai dúas ideas: os que pretendemos que o humor gráfico ten que aspirar a chegar a obra de arte e os que pensan que é algo de usar e tirar.

Gañou nos últimos anos o humor gráfico galego en calidade gráfica, mais perdeu en calidade do humor? Mudou o humor polo chiste? Pódese dicir que antes os humoristas traballaban como sinaturas, como columnistas, e agora só ilustran noticias?

Moitas veces se utiliza o humor como ilustración de noticias; a tendencia dos xornais vai por aí. A calidade gráfica mellorou notabelmente.

Que características ten que ter unha boa viñeta?

A conxunción dunha boa imaxe cunha boa mensaxe.

Que tenta pór de manifesto co seu traballo?

Pretendo comunicar o que penso ou salientar o contrario poñéndoo en ridículo.

Que busca no lector: o riso, o sorriso, a reflexión…?

Riso non, é moi difícil; sorriso logo da reflexión.

Custoulle moito atopar un estilo de seu? Mudou o seu estilo co paso do tempo?

Mudou, pero o estilo saiu naturalmente.

Hai evolución no seu estilo ou só perfeccionamento?

Hai evolución, porque as circunstancias inflúen. Por exemplo, non é o mesmo publicar diariamente que esporadicamente. Iso condiciona todo: o estilo e a técnica. Eu era partidario da viñeta obra de arte, aínda que non son nada partidario de que se chame artistas aos que fan arte, pero quería que unha viñeta durase para sempre e fose unha obra de arte, pero terminas olvidándote un pouco diso, porque tes que facer outra e outra, e non se pode facer unha obra de arte diaria.

As viñetas sen texto, o humor sen palabras, no que ten acadado unha altísima calidade, se cadra son máis susceptibles de chegar á categoría de obra de arte…

É que despois te metes noutras dinámicas, por exemplo nas exposicións internacionais tes que facer algo que non leve texto e mesmo tes que cuidar o que dis, porque se falas dun problema local non o van entender. Por exemplo, cando faciamos unha exposición no Museo do Humor, os chineses mandaban moitos debuxos de touros, e resulta que en Galicia non hai tradición, non entendemos iso. O único persoeiro universal que podes mandar a calquera sitio do mundo é o Quixote. Iso si o entenden en todo o mundo, pero poucos máis.

Gústalle máis facer viñetas sen texto ca con texto?

Para comunicarte coa xente é preferible o texto, porque ás veces che din: “É moi difícil entender o que queres dicir”. Eu creo que non, pero a xente non se quere parar a pensar.

Como xurdiron os seus peculiares bocadillos, co texto en negativo e unha cuidada e orixinal rotulación?

Os bocadillos en negro eran procurando que o globo fose unha  parte máis da imaxe. Para iso, as letras, en principio, se enlazaban con prolongacións, pero diante da protesta dos que dicían que non as entendían, optei por normalizalas, permanecendo o fondo mouro.

Volvamos á evolución do seu estilo…

A variación pode ser que me empezaron a preocupar máis os volumes, as sombras e as luces. Por medio de raiados vas determinando volumes. [Nas viñetas en color] Hai moitas menos raias porque xa a color vale de algo. E inflúe moito a frecuencia [a falta de tempo fai que o debuxo diario sexa menos traballado, con menos raias].

As súas colaboracións en La Codorniz si que reflectían outra estética…

Adapteime á revista. Non había raias, eran masas de color, incluso moitas veces cun espazo en branco entre cada color, coma un mosaico. Era un estilo distinto. Aí liberábame un pouco do galeguismo, porque era unha revista que se publicaba fóra e era para xente de todas as partes.

Tense dito que o seu estilo é tan particular que non admite continuadores. Está de acordo?

Si, ademais non quero que haxa. Sería como dicirlles: “Ti es un copión e nada máis”. Hai xente que a súa afición ao mellor partiu de min, pero logo colleu o seu camiño.

Recoñece algún discípulo, algún seguidor do seu estilo entre os debuxantes máis novos? Xan Carlos López Domínguez, por exemplo, confesa que tentou imitalle nos seus comezos…

Pero non se parece nada a min. É máis pintor, máis estético. Preocúpase moitísimo da estética.

Nas súas viñetas chama a atención que sempre traballou moito os segundos planos…

A min sempre me interesou o que se chama o decorado no debuxo. Hai xente que non, que fai esquematicamente o debuxo de diante e se olvida de que hai un fondo. Eu, ao mellor por ese barroquismo, sempre me preocupei de que houbese un fondo. Se cadra é  unha preocupación estúpida, pero…

Canto tempo lle leva facer unha das súas viñetas máis elaboradas?

Nunca o miro, pero leva menos do que pensa a xente e máis do que quixese eu. Pode levar un par de días, eu que sei. Pero como normalmente tampouco traballo nunha soa, non se sabe.

E unha viñeta diaria das máis traballadas?

Levaba varias horas e era difícil de manter, por iso o estilo foi evolucionando tamén.

Ten que ser o humorista gráfico necesariamente un caricaturista?

Si, caricatura é calquera debuxo que sintetiza. Outra cousa é a caricatura persoal, que non é imprescindíbel.

Por que se autocaricaturizou tanto?

Era o modelo máis a man!

     
   
  O autor debúxase a si mesmo dúas veces na serie Coio, de 2001: o protagonista principal é unha versión de si mesmo e na derradeira viñeta autocaricaturízase.  
     

A influencia do cómic

Vostede pasa por ser o pai do cómic galego xunto a Reimundo Patiño, co que fixo ‘Dúas viaxes’. Como foi a experiencia? Segue a facer cómic?

Patiño, ao ver os meus debuxos, me dixo que eran moi axeitados para o cómic, que a min xa me gustaba. Nada máis chegar á casa, púxenme a facer unha páxina que enviei a Chan, unha revista galega que facían en Madrid, e a resposta foi publicala e pedirme máis. Traballar con Patiño era fascinante. Tiña unha imaxinación desbordante e coñecementos técnicos para dar e tomar.

Que relación hai entre o cómic e o humor gráfico?

Hai un punto de partida común, a elipse; tanto no cómic como no debuxo de humor facemos unha maior ou menor síntese da realidade. Logo no cómic pode haber humor ou non, e no debuxo de humor non se precisa guión, nin secuencia, nin outros instrumentos do cómic. O cómic “serio” é moi antigo, e hoxe se pode abranguer calquera técnica e relatar calquera cousa, coas páxinas que se precisen.

Ata que punto o seu humor gráfico foi influído polo seu cómic? Pódense descubrir nas súas viñetas as características fundamentais dos seus cómics?

Creo que ao cen por cen. O que pasa que adaptada a un relato máis longo. Non podes condensar todo nunha viñeta. Ás veces os cómics son unha viñeta alongada e outras veces a viñeta é un cómic condensado. Os cadros estaban no mesmo. Non todos, pero unha boa parte eran cómics ou viñetas.

Que diferenzas atopa entre a tira e o cómic?

A tira ten un problema principal para o meu gusto: o espazo. Os personaxes non poden saltar, tropezan coa parte de arriba. Non teñen espazo para moverse, mentres que na páxina ou no cómic hai todas as posibilidades do mundo. O formato horizontal das tiras dá aos debuxos moitas máis posibilidades de moverse có vertical. Vertical fixen a Lixandre.

E entre a tira e a viñeta?

Case todo o que se pon nunha tira se pode dicir nunha viñeta e ao contrario. Depende do espazo que teñas, porque ás veces os periódicos danche un espazo para unha tira, pero podía ser unha viñeta.

Autocaricatura nunha felicitación do Nadal de 2016.

Símbolos e temas

Tamén é moi rechamante a profusión de símbolos que utiliza nas súas viñetas: os rañaceos, os vertedeiros, os guindastres, o pé, ese furado que representa Galicia, esa lingua física que simboliza a outra…

Unha das preocupacións dos humoristas –polo menos no meu caso– é esquematizar, a elipse, dicir co menos posible o máis posible. Entón hai que buscar cousas que simbolicen. O furado permitíame falar da situación de Galicia tanto económica como en todos os aspectos. O pé é para dicir que sempre hai un poder que te esmaga. O de pintar con boina á xente algunha xente mo criticou. Xa sé que a maioría non leva boina, pero a min me parecía un símbolo: todo o que leva boina é galego, non había que razonar máis. O señor gordo con gafas era un ricachón. O señor de chapeu montado a cabalo nos ombros dun labrego simboliza tamén o esmagamento, outra vez o pé.

O pé esmagador[41]

Un pé pisando xente é ilóxico de todo. Entón, aí pode pasar de todo: que falen de fútbol, o cual xa é un chiste, porque nesa situación non falarías de fútbol, dirías: “Ai!, ai!, ai!”. Dá lugar a todos os chistes –por llamalos algo– que poidas imaxinar.

Plasticamente non evolucionou…

Non lle vexo posibilidades estéticas, si variei o rotulado e cando se publicaron en color, tamén o fondo daba certo xogo.

Que me di das estatuas?

Son tamén significativas, porque se pode falar de moitas cousas, pero sempre hai un señor arriba e os demais abaixo. Sempre imos cair no mesmo.

Máis símbolos. As moreas de lixo…

É unha preocupación dos últimos tempos. Ese vertedeiro da Coruña [Bens] que se puxo a andar, colleu xente debaixo e nunca máis se soubo[42]. Hai algún autor que tamén está sempre con iso: co lixo, con que se vai comendo as cidades e que terminará sendo máis grande ca elas. Ademais ten a súa estética, pode ser bonito.

Comezou a debuxalas a raíz da catástrofe de Bens?

Non, moito antes. A primeira Paleta Agromán que gañei [en 1982] foi cun home das cavernas, e as cavernas estaban feitas de lixo, moderno claro.

Os televisores…

Se queres demostrar que a sociedade moderna está asoballando a tradicional, tes que pór televisores, ordenadores, cousas así. O móbil vese menos.

Testa, esa cabeza de home dentro dunha caixa…

Foi influencia de Samuel Beckett. Lin El innombrable e me causou tanta impresión que empecei a facer iso, un home totalmente incomunicado dentro dunha caixa. Esa situación condiciona todo. Fixen unha tanda de medias páxinas para a revista Posible e logo páxinas completas para o libro de Galaxia Dos pés á testa, pero non hai máis. Tampouco dá para moito, porque un home dentro dunha caixa…

Outra cabeza-símbolo é esa cabeza sen a bóveda do cráneo da que saen mundos enteiros…

Iso é máis moderno. Dentro da cabeza cada un leva o que leva. Dá bastante xogo.

Ata que punto o seu traballo no estaleiro influíu nos seus debuxos? Estou a pensar en imaxes como os guindastres…

Si, ese obreirismo, esa preocupación social claro que inflúe, porque había entón moitos movementos sociais. Estábase fundando Comisións Obreiras, o Partido Comunista tiña bastante movemento dentro de Astano. A min me tocou ademais traballar nunha oficina que estaba chea de xefes de CCOO e do Partido Comunista, e tiven moita relación con eles, sen estar nunca nin en Comisións nin no PC.

Todos eses símbolos teñen estado presentes na súa obra ata hoxe…

Porque a situación segue igual. O pé vai durar sempre. Pode vir o goberno que veña que vai haber pé.

Falemos dos temas das súas viñetas. Un dos máis recorrentes foi a emigración…

Nos meus principios era case todo da emigración. Despois pasou a irse diluíndo e agora case hai que volver.

O caciquismo…

O abuso de poder. Incluso entre homes e mulleres. Hai moitos tipos de abuso de poder. O nome de D. Augusto[43] naceu como consecuencia das críticas que tiven en El Ideal ao xinete. Imaxineime quen me mandaba os anónimos e púxenlle o seu nome á tira.

Máis temas: a desaparición do medio rural, o deterioro do medio urbano, o rexeitamento da cultura propia…

Os galegos somos autosuicidas. Home, o suicida é sempre auto. Pero temos diante das narices unha cousa e negámola. Creo que é o único pobo que se suicida voluntariamente. De feito hai moitos suicidas, pero hai outros pobos onde hai moitos suicidas e non son igual. Están sempre gabando a súa forma de vivir. Nós, non sei por que, estamos sempre negándoa.

           
    Autocaricatura de 2015 en homenaxe a Georges Wolinski e os seus compañeiros do Charlie Hebdo asasinados polo hixadismo. Autocaricatura nunha viñeta de 2016.    

O humor gráfico na prensa

Que lle suxire a denominación chiste gráfico?

Nunca me gustou o de “chiste”. O certo é que os chistes as máis das veces non teñen chiste.

Deu a prensa galega ao humor gráfico o espazo e o tratamento que merece?

Nin o espazo nin o lugar.

Que lugar debe ocupar o humor gráfico na prensa de información xeral: as páxinas de opinión ou as de lecer? É o humorista gráfico un xornalista, un editorialista?

Para min é un editorialista cunha grande elipse, que fai que sexa moito máis apreciado ou despreciado.

Censuráronlle traballos? Hai censura no humor gráfico en Galicia hoxe en día? E autocensura? Que grao de autonomía ten un humorista gráfico? É frecuente que lle dean o tema e mesmo o tratamento?

Pasei por todo. Agora mesmo non teño censura e non me dan tema nin tratamento.

Cal é a súa relación coa actualidade informativa? Gústalle traballar con ela o prefire facer un humor máis intemporal?

O humor actual abusa do tema político e céntrase moito na actualidade. Eu, sen poderme evadir totalmente diso, procuro que os meus personaxes sexan máis intemporais e que o que lles pase poida tamén ocorrer noutro tempo pasado ou futuro. O humor do día é moi perecedoiro: hoxe ensínaslle a un rapaz un chiste no que aparece Fraga e xa non sabe de quen se trata. Porén, os que fixo Castelao hai sesenta anos continúan estando vixentes.

Leva case trinta anos anos publicando unha viñeta diaria en La Voz de Galicia, mais ten dito que non lle gusta moito facer un humor demasiado vencellado á actualidade. Antes publicábanlle nas páxinas de Opinión e agora o fan nas de Pasatempos… Que valoración fai?

Do cambio de Opinión a Ocio pasando por Sociedade, prefiro non opinar. Circunstancias da vida.

Como afronta a dificultade de facer unha viñeta diaria? Como evita aburrirse ou repetirse?

Con oficio, ademais un oficio que sempre me gustou. Non hai aburrimento, e repeticións pode habelas ao tratar moito algún tema, pero involuntarias.

           
O autor debuxándose a si mesmo en dúas viñetas da serie Isolino, en 2016 e 2017, respectivamente.    

Humor e humor galego

Que é o humorismo para vostede?

É o uso do optimismo como ferramenta para expresarse.

Con que ten máis relación o humorismo: coa ledicia ou –coma dicía Mark Twain­– coa dor?

Vai dende a dor ata a ledicia, do drama á comedia.

Na súa obra que hai máis: humorimo, sátira ou comicidade?

Creo que hai un pouco de todo. Comicidade, menos ­­–­quizais–, pero ironía e sátira hai bastante. Cando fas un debuxo diario, tes que recorrer a todos os mecanismos: ao mellor era máis galego non recorrer á satira, pero eu teño que recorrer, aínda que en Galicia tamén hai sátira, como non vai haber.

Pódese cualificar o seu humor de negro?

É pouco doado poñeer fronteiras, pero coido que, facendo máis dun debuxo diario, hai cousas que estarían de cheo no negro e outras que non, polo que non sei que dicirche, aínda que tampouco estaría incómodo con que me cualificaran como negro.

   
Autocaricatura, 2016    
     

Cualificaríase a si mesmo de moralista?

A maioría dos humoristas gráficos ou cartoonistas, como nos chaman polo mundo, somos moralistas, máis ou menos apegados á política de actualidade.

Ten dito que o humor non pode cambiar o mundo, pero si axuda a mellorar a vida e ata nos salva da desesperación…

Penso que si, que pode axudar non a cambiar, pero si a imaxinar que cambia.

Di que esaxerar o lado peor axuda a ver o malo como menos malo…

Iso é un pouco abstracto, pero é así. Esaxeras o malo para que, en certo modo, a xente vexa que non é tan malo o que pasa.

É o galego humorista por natureza? Hai un sentido do humor tipicamente galego?

Entendo que si. A paisaxe, o clima, as condicións de vida… conforman un xeito de ser que no caso galego dan unha persoalidade dubidosa, reflexiva…, humorística.

Cales son as súas características principais dese humor galego?

É un humor de ida e volta, ti dis algo para que quen o recibe o interprete, é un pouco en clave. Despois, moi filosófico, moi retranqueiro, que é outra cousa que non hai tanto no resto do mundo: non dis a verdade, dis outra cousa que te pode aproximar á verdade.

Cre que o seu humor reflicte este humor popular galego?

En parte, porque volvemos ao chiste diario. Cando fas un debuxo diario, tes que utilizar todos os mecanismos do humor, sexan galegos ou asturianos. Tes que recurrir a todo o que se che ocorra. Na estética, pouca xente lle preocupa que sexa galego ou non. A min si me preocupa, pero tamén hai unha estética mundial que pode valer.

Está a acabar a globalización con ese sentido do humor tipicamente galego?

A paisaxe, o clima, as condicións de vida… tenden á uniformización.

Ocupa o absurdo algún lugar no seu humor?

Gústame, pero desgraciadamente son demasiado lóxico. A min me gustaba moito o humor de Tip –era o que máis me gustaba dos cómicos– e resulta que eu non son capaz de facer iso. Era un humor surrealista, ilóxico de todo. Gustaríame ser así, pero non son capaz.

     
      Autocaricatura do autor en 2017 nunha homenaxe a Xosé Vizoso.

O feito de ter sangue estremeño[44] fai o seu humor algo diferente do galego?

Non sei, porque o humor parte da nenez e eu eduqueime aquí. Meu pai era estremeño e eu non renego de Estremadura. Paréceme un sitio moi bo, pásoo moi ben aí, pero máis ben a miña maneira de pensar é galega.

N’O humor líquido. O caso galego[45] denunciaba que humor popular galego se estaba a perder. Segue sendo tan pesimista?

É o que che dixen antes: mundialízase todo. A televisión é un medio moi potente que temos todos na sala de estar e inflúenos moito. Ata che din cando te tes que rir, poñen a risa grabada e ao mellor non cadra co que nós pensamos. Hai cousas que non che fan graza e poñen a risa, pero te están condicionando e terminarás ríndote cando din eles.

Ten Galicia un humor gráfico de seu ou o humor gráfico galego é só o humor que se fai en Galicia?

Coido que, desgraciadamente, é o segundo, aínda que me atrevería a dicir algunhas características, tanto no contido como no continente, que poderían agrupar un fato importante de autores.

 

NOTAS

[1] E o Museo do Humor de Fene, que se ergue, precisamente, na sede da Casa da Cultura.

[2] Roland Topor (París, 1938-1997).

[3] Caranza é un barrio de Ferrol.

[4] Estaleiro privado de Fene que durante moitos anos foi referente mundial na construción de petroleiros.

[5] Siro López (Ferrol, 1943). Caricaturista, humorista gráfico e escritor, compañeiro de Xaquín Marín en La Voz de Galicia durante case 20 anos.

[6] Estaleiro público de Ferrol especializado na construción de barcos militares.

[7] Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985). Pintor e debuxante de cómic, pioneiro da vanguarda galega de posguerra. Amigo e compañeiro de Xaquín Marín, tivo grande influencia nel durante os primeiros anos da súa carreira.

[8] En 1997.

[9] Brais Pinto foi unha das iniciativas culturais galegas máis importantes do derradeiro terzo do século XX. Fundado en Madrid en 1958 por un grupo de intelectuais e escritores galegos, tentou conciliar a cultura de vangarda e o incipiente nacionalismo galego de esquerdas. Ademais de Patiño, integrábano Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Xosé Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, César Arias, Herminio Barreiro, Ben-Cho-Shey (Xosé Ramón Fernández-Oxea), Manuel María (Manuel María Fernández Teixeiro) e Uxío Novoneyra. O nome está baseado na historia dun afiador imaxinario de Nogueira de Ramuín (Ourense) que percorreu o mundo e morreu atropelado por un tranvía na praza de Cibeles de Madrid. O grupo foi refundado nos anos 70 coa participación da maioría deles.

[10] A UPG é un partido comunista e nacionalista galego fundado en 1964. Desde a creación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en 1982, forma parte del sendo siempre a agrupación hexemónica no seu seno.

[11] Amador Rey e Daniel Niebla, asasinados pola policía franquista o 10 de marzo de 1972 durante unha manifestación para reclamar un novo convenio colectivo. Marín estaba en Madrid cunha excedencia en Astano, os estaleiros de Fene. Os de Bazán estaban en Ferrol, á outra beira da ría.

[12] Chan foi unha revista quincenal publicada entre 1969 e 1971 e dirixida por Raimundo García Domínguez, Borobó, un dos xornalistas galegos máis importantes do século XX.

[13] En Futbol-in, Marín publicou a tira “Árbitro”.

[14] A Coruña, 1930. Director de El Ideal Gallego de 1985 a 1988. Logo foi delegado de ABC en Galicia e director do Gabinete de Prensa da Universidade da Coruña. Presidente da Asociación da Prensa da Coruña e da Federación de Asociacións da Prensa de Galicia. Académico Correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario. Medalla de Bronce de Galicia.

[15] Xaquín Marín recibiu o Premio Paleta Agromán dúas veces, en 1982 e en 1991.

[16] Señoritos de chapeu montados a cabalo enriba de labregos.

[17] Atomé. El dibujante y humorista de Santa Comba (Asociación Cultural “Comarca do Xallas”, Santa Comba, 2000), de Clodio González Pérez.

[18] Memorias dun neno labrego é a novela máis popular de Xosé Neira Vilas (1928-2015). Publicado na Arxentina en 1961, é o libro máis lido da literatura galega. Trata das lembranzas de infancia dun neno pobre do rural galego chamado Balbino.

[19] Realmente era para toda a familia: chamábase Para Todos.

[20] Golfiño, unha revista de cómic infantil editada primeiro por Xerais e despois por La Voz de Galicia.

[21] O Premio Paleta Agromán foi creado pola empresa construtora Agromán en 1958 e desapareceu nos anos 90. Considerado o Óscar nacional do humor gráfico, foi o galardón máis importante de España neste sector durante moitos anos.

[22] PortoCartoon World Festival, organizado polol Museo da Prensa de Porto. Celébrase anualmente desde 1999. É un dos concursos de humor gráfico máis importantes do mundo.

[23] Ao V Certame Internacional de Caricatura e Debuxo Humorístico de Santa Cruz de Tenerife, celebrado en 1998.

[24] Ao XXXIV Salão Internacional de Humor de Piracicaba, São Paulo (Brasil), celebrado en 2007.

[25] Nas súas tres únicas edicións (2007, 2008 y 2009) Tamén foi membro do xurado do World Press Cartoon de Lisboa en 2015.

[26] Teima foi un semanario galeguista publicado en Santiago de Compostela en 1976 y 1977. Tratábase da primeira revista editada integramente en galego dentro de Galicia desde a posguerra.

[27] A Nosa Terra foi unha cabeceira nacionalista histórica, publicada na Coruña antes da Guerra Civil como voceiro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, que reapareceu en Vigo en 1977 como semanario.

[28] En 2008 fará 30 anos.

[29] Xa non; prescindiron de case todos en 2013.

[30] Romeu deixou de colaborar en El País a principios de 2010. Viña facéndoo desde a fundación do xornal, en 1976.

[31] Xatentendo.com foi un suplemento de humor publicado semanalmente por La Voz de Galicia en 2000 e 2001. Estaba fundado e coordinado por Siro.

[32] Adega é o acrónimo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia. A defensa do medio ambiente ten sido unha constante no humor gráfico de Xaquín Marín.

[33] No I Seminario Galego do Humor, celebrado en Sada (A Coruña) o 26 e o 27 de xuño de 1982.

[34]  Fernando Quesada (Ourense, 1933-2016). Colaborou en Faro de Vigo durante 50 anos (1961-2011). Desde mediados dos anos 60 ata entrados os 80 publicou tamén no mellor da prensa de Madrid: Arriba, Pueblo, ABC, Blanco y Negro, La Codorniz, etc.

[35] Xesús Campos (La Laguna, 1952-1991). Un dos pioneiros do cómic galego. Durante os años 70 e 80 colaborou con diversos periódicos (La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, La Región, A Nosa Terra, Can sen Dono...), mais o seu medio por excelencia foi a libreta, a folla volante, a octavilla ou o papel do mantel da mesa dalgún bar, tal era a súa incesante produción privada.

[36] Siro 71 (1971).

[37] Barrio obreiro de Fene, creado no século XVIII para absorber os traballadores dos estaleiros. En 1974 foi derrubado case totalmente para crear un novo barrio no que hoxe se ergue o campus universitario.

[38] Siro vivía en Ferrol e Xaquín Marín en Fene, a seis quilómetros.

[39] Desde 2015, o Concello de Fene, titular do Museo, está a tentar darlle un pulo coa recuperación dos Premios Curuxa e das Xornadas de Humor, chamadas agora Novembro, mes do humor.

[40] Pepe Carreiro (1954). É un dos humoristas gráficos españois máis mordaces. Colaborou en Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El Mundo (Galicia) e Xornal de Galicia, entroutros moitos xornais. Ultimamente está centrado no cómic infantil, coa serie Os Bolechas.

[41] O pé foi publicado como tira n’A Nosa Terra en 1978 e 1979 co título de “Historias de esmagados”.

[42] O vertedeiro de Bens, que se veu abaxio o 10 de novembro de 1996 e 200.000 toneladas de lixo rodaron pola falda do monte. O alude sepultou todo canto atopou ao seu paso –vehículos, embarcacións, mesmo unha ponte– e matou un veciño do barrio do Portiño cuxo corpo nunca apareceu. Foi unha das meirandes catástrofes ecolóxicas de Galicia.

[43] “D. Augusto” publicouse como tira n’A Nosa Terra entre 1987 e 1981.

[44] O pai de Xaquín Marín era de Montemolín (Badajoz). Tamén a súa dona é de alí. O humorista ten pasado sempre tempadas na vila.

[45] Opúsculo sobre o humor gallego publicado polo Museo do Humor de Fene en 2000.

Creación de la ficha (2017): Manuel Barrero · Imágenes proporcionadas por Félix Caballero.
CITA DE ESTE DOCUMENTO / CITATION:
FÉLIX CABALLERO, Xaquín Marín (2017): "Entrevistas con Xaquín Marín", en Tebeosfera, tercera época, 4 (18-IX-2017). Asociación Cultural Tebeosfera, Sevilla. Disponible en línea el 18/XII/2024 en: https://www.tebeosfera.com/documentos/entrevistas_con_xaquin_marin.html