Información promocional:
O programa de actividades paralelas da exposición Desde Coruña con humor comeza esta fin de semana co encontro «Humor gráfico con tetas», unha iniciativa «na procura de canles para reflexionar sobre feminismo potenciando o humor gráfico como ferramenta».
O encontro, que terá lugar na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras, 12, 15001 A Coruña), comezará ás 18:00 deste venres, 1 de decembro, cunha charla da profesora da Universidade da Coruña María José Mosquera, baixo o título «Humor e feminismo». A continuación, a partir das 20:00, a mesa redonda «Humor con tetas» contará coa profesora Mosquera, a bibliotecaria Sira González e mais as ilustradoras Xulia Pisón e María Álvarez Hortas, Yupiyeyo, e con Manel Cráneo como moderador.
O sábado 2, no mesmo lugar e a partir das 10:00, María Álvarez e María José Mosquera impartirán o obradoiro de ilustración «Viñetas con tetas», dedicado ao humor gráfico en feminino.
María José Mosquera é membro do Grupo de Estudos de Xénero, Actividade física e Deporte da Universidade da Coruña. Sira González, titulada en Biblioteconomía e Documentación pola Universidade da Coruña, traballa desde 2009 na Biblioteca dos Rosales, onde coordina a Comicteca. Pola súa parte, Xulia Pisón e María Álvarez, Yupiyeyo, son ilustradoras e autoras de cómic e humor gráfico, e ambas as dúas están presentes coa súa obra na exposición Desde Coruña con humor.